InicioInicio
EmpresaEmpresa
ContactoContacto
FormacionFormacion
TalleresTalleres
CalendarioCalendario
CreaciónCreación
Instalaciones / TallerInstalaciones / Taller
CoworkingCoworking
Residentes 2018Residentes 2018
GaleríaGalería
ExposicionesExposiciones
ArtistasArtistas
EspacioEspacio
FeriasFerias
TiendaTienda
HandmadeHandmade
Material de Bellas ArtesMaterial de Bellas Artes
EnmarcadoEnmarcado
Exposiciones
<< volver
Back
21 fetiches. Natasha Lelenco
Del 12 de Diciembre al 21 de Enero del 2022

"21 Fetiches. Re-arranxar os recordos"

Esta mostra reúne 21 pezas que fun madurando e amosando de xeito parcial en varias exposicións ao longo deste ano 21. Denomínoas Fetiches pois incorporan representacións de obxectos, flores e retratos de natureza Kitsch que acompañaron a miña infancia. Son obxectos que aínda conservo nalgún caixón da vivenda actual ou simplemente reviven na miña memoria e regresan nos meus soños. Como pasa cos soños, que axudan a ordenar ideas, pensamentos e sucesos, os meus Fetiches non buscan máis que recolocar estes recordos para lle dar novas e desenfadadas formas, cheas de cor, exuberancia vexetal, emojis e androxinia.

A serie de "Fetiches" xorde nun momento no que confluíron dúas circunstancias particulares e unha global: a reconexión co meu pasado logo dunha viaxe de ida e volta ao meu país de orixe, Moldavia; a instalación nunha nova vivenda e cun obradoiro de traballo no que recuperei a afección que a miña nai tiña por coidar plantas de interior e a situación global de crise sanitaria co fondo da crise climática que o atravesa todo.

No contexto destas circunstancias, afondei no meu interese por un dos aspectos máis desprezados da arte, o Kitsch, a arte popular, o mal gusto. Coa súa aparente trivialidade e obsolescencia, o Kitsch é tanto técnica como esteticamente un dos signos máis representativos da modernidade (e da pos-modernidade, of course), un produto máis dun momento histórico no que a beleza é socialmente distribuída como calquera artigo adscrito a leis de mercado.

O Kitsch é en si mesmo evocación e fascinación polo pasado, un xeito de idealización que conecta moito coa forma na que adoitamos construír o relato da infancia e, nesta medida,  conecta coa intrahistoria da miña formación visual, e como non, coa de todas. Na miña casa, como nas demais casas do Chisinau soviético, un humilde apartamento de 43 metros cadrados, podería faltar de todo, pero non os bibelots, reproducións de pinturas dos museos Hermitage ou Tretyakov a toda cor, plantas exóticas, tapices e demais obxectos de ganga que a nosa mirada enchía de sentido e de valor e que hoxe poñen imaxe á nosa memoria daquel tempo.

Non deixa de ser interesante a fascinación por estes obxectos de raizame cultural coma se foran unha necesidade irrenunciable para familias en situación de precariedade económica, en tanto que elementos imprescindibles para crear fogar e sentimento de pertenza naqueles cubos grises de formigón da arquitectura civil que habitaban.

Estas pezas están construídas con imaxes persistentes da miña memoria e conforman, a partir do fetichismo arredor de obxectos, flores e retratos, un xeito de mapas do tesouro, mapas que, se cadra, non levan a lugar ningún, pero cos que pretendo entrever a volatilidade do que entendemos por beleza e a existencia de territorios libres, desprexuizados e desexosos de cor, que parten do popular e que, dalgún xeito, son os que definen a imaxe dunha época.

Natasha Lelenco

Catálogo da exposición

Lugar
La Doce

Avd Constitucion nº12, Bajo
15930 Boiro
Tel: 981 97 28 54
info@ladoce.net
Google maps
Todos los derechos reservados. 2015.