Hai formas que desaparecen, materiais que mudan de función e obxectos que, aínda transformados, conservan a memoria da súa orixe. Nesa tensión entre o que permanece e o que queda como vestixio sitúase esta proposta de Juan Fontaíña.
O formigón ocupa un lugar central nesta exposición. Mediante diferentes procedementos (o molde perdido, o vertido e a construción), se investigan as posibilidades formais e expresivas dun material habitualmente asociado á solidez e á funcionalidade arquitectónica.
Os moldes, procedentes de obxectos preexistentes, como unha antiga escaleira, incorporan ás novas pezas as formas e as pegadas do seu pasado. O territorio convértese así nunha fonte de materia e memoria: os elementos que o conforman poden transformarse, mudar de función e adquirir unha nova presenza.
Os azulexos abren outra vía de investigación, situada no encontro entre a pintura e a escultura. Ás veces, a composición xorde da simple disposición e ensamblaxe das pezas, formando mosaicos nos que a relación entre os fragmentos constrúe unha imaxe. Noutras ocasións un elemento habitualmente subordinado á función técnica convértese en materia expresiva.
As obras reunidas nesta exposición comparten un interese pola transformación dos materiais, pola recuperación das súas pegadas e pola exploración dos límites entre disciplinas. A construción deixa de ser exclusivamente un proceso funcional para converterse nun acto creativo; a materia, lonxe de ser un simple soporte, pasa a ser protagonista e portadora de significado.
Do 7 de Novembro ao 9 de Decembro 2026
Galería La Doce / www.ladoce.net / Avd. Constitución 12 Boiro (A Coruña)
Visitas: Luns- Venres 10:00-13:00 e 16:30-20:30 Sábados: Cita Previa