Entremedias. Sol Álvarez
25 Mayo - 29 Junio 2024
Entremedias discorre nunha mañá. No que tarda en ferver o caldo. O tempo en que tardaron en expoñerse algunhas das fotos que conforman a mostra, mentres soaba Malandrómeda.
Entremedias é a representación artística do máis pequeno e o máis cotiá. A busca dos momentos fugaces e poéticos que deixa tras de si un tempo-non tempo, o tempo deses traballos non recoñecidos, os das mulleres.
A pel dunha cebola, un trapo, a luz filtrándose nunha árbore e entrando á cociña pola ventá. Pequenos obxectos e momentos, representados a través de técnicas tradicionais femininas coma a costura, o lavado, ou endurecimento de teas (empregado para vestir santos), e técnicas fotográficas do s.XIX coma a cianotipia ou a goma bicromatada.
Pero pola fiestra da cociña vemos tamén o exterior. E no exterior voa a imaxinación, voa a roupa interior, convertíndose en símbolo de liberdade.
Coma unha imaxe latente facéndose visible na fotografía. O tempo discorre, entremedias pasa a vida.