É necesario un pretexto para sentar a debuxar as máis de 1000 viñetas que compoñen a banda deseñada Xaora?
Se o hai, xace na profunda decepción da miña xeración, chamada a ser a primeira con éxito laboral xeralizado. As leis educativas dos 80 trouxeron consigo o soño da equidade: a vontade sería suficiente e necesaria para marcar as metas.
A realidade, xa o sabemos, foi outra. A historia de Xaora acompaña a Virxinia nos días en que a madurez petou á súa porta para darlle a mala noticia.
A esperanza do conto é que a porta, unha vez aberta, non pode impedir que a luz entre: sempre hai un pretexto para pensar nun soño novo cando o vello se fai area.
Esas sensacións son universais e deberían percibirse nas viñetas que forman parte desta exposición. Antes de escribir os textos, debuxei nas caras de Virxinia e Mona a ilusión, a coraxe, a decepción e tamén a forza para seguir sempre adiante.
Ana Moreiras
Ana Moreiras (Trabada, 1976) Licenciouse en Física de Partículas na USC e traballa como profesora de ensino secundario desde o 2000. Actualmente é docente en Boiro, onde promove proxectos de activismo cultural como o festival audiovisual escolar Olloboi, recoñecido co premio especial José Sellier da Academia Galega do Audiovisual polo seu compromiso e traballo en prol da canteira do cine galego.
Colaborou en diferentes proxectos multidisciplinares de ilustración como un arquivo de xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra, un fanzine para Amnistía Internacional ou un manual gráfico sobre os sistemas educativos de Ottawa e Galicia.
É autora da novela gráfica Madialeva (Aira, 2020) e recentemente presentou a súa segunda banda deseñada Xaora (Aira, 2023)